Wednesday 15 de May de 2024

A Xunta investirá 238.000 euros para mellorar os parques empresariais de 3 concellos da Comarca do Barbanza


 A maior parte das obras terán como obxectivo a mellora viaria dos parques empresariais e a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia
A Xunta investirá 238.000 euros para mellorar os parques empresariais da comarca do Barbanza en 3 concellos da área (Boiro, Rianxo, e Ribeira). A maioría dos proxectos van orientados a mellorar as infraestruturas viarias dos polígonos e para a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia, aínda que tamén para plantas de depuración de auga, xestión de residuos ou instalacións contraincendios. En total, na provincia da Coruña investiranse 2,2 millóns para financiar 29 proxectos en 25 concellos, dos que 6 son emprendedores.

Os investimentos que se realizarán son a mellora da seguridade vial e a ampliación do sistema de videovixilancia e control de accesos do parque empresarial de Espiñeira en Boiro, a instalación dun sistema de vixilancia no parque empresarial de Rianxo e a renovación de beirrúas nun tramo da avenida Ramiro Carreal no polígono industrial de Xaras en Ribeira.

Con respecto á orde de axudas destinada a parques empresariais, aprobáronse un total de 76 proxectos. Desenvolveranse en 62 concellos galegos –dos que 20 son Concellos Emprendedores, é dicir, aqueles adheridos ao convenio entre Xunta e Fegamp para impulsar a captación de novos investimentos empresariais– cun investimento de 5,7 millóns de euros e unha mobilización de 7,45 millóns. Concretamente na comarca do Barbanza, Boiro é un Concello Emprendedor.

Coa aprobación destes proxectos, esta orde terá permitido, desde 2009, realizar 502 proxectos en 149 parques industriais de 122 concellos galegos cun investimento de 35 millóns de euros.

Con estas novas axudas, nas que este ano os Concellos Emprendedores tiveron preferencia, a Xunta segue mantendo o seu compromiso cos gobernos locais e o desenvolvemento das súas infraestruturas, co fortalecemento do tecido empresarial e industrial da Comunidade e co apoio ao emprendemento, liñas que encaixan coas medidas promovidas pola Lei de implantación empresarial para favorecer a captación de novos investimentos para Galicia.

 

BARBANZA
 

CONCELLO

TÍTULO AXUDA CONCEDIDA
BOIRO MELLORA DA SEGURIDADE VIAL DO PARQUE EMPRESARIAL DE ESPIÑEIRA 52.640,44 €
BOIRO AMPLIACIÓN DO SISTEMA DE VIDEOVIXILANCIA PARA CONTROLAR OS ACCESOS E PUNTOS SENSIBLES DENTRO DO P.E. 61.421,66 €
RIANXO INSTALACIÓN DE SISTEMA DE VIXILANCIA NO PARQUE EMPRESARIAL DE RIANXO 38.516,41 €
RIBEIRA RENOVACIÓN DE BEIRARRÚAS NUN TRAMO DA AVENIDA RAMIRO CARREGAL. POLÍGONO INDUSTRIAL DE XARAS 86.024,90 €
TOTAL   238.603,41 €